Como cada domingo pola mañá


feito con Picasion

Ramiro camiñaba, como cada domingo pola mañá, polo paseo do Areal.

Sentir o aire fresco na cara e a esencia do mar era a mellor maneira de comezar un día e de rematar unha semana. Máis tarde, mercaba o xornal no quiosco dun familiar. Nesa vila na que o tempo parecía que pasaba máis lento non estaba de máis coñecer como marchaban as cousas no resto do mundo.

Como cada domingo, as xentes do lugar vestíanse coas súas mellores galas para lucilas polo xardín. Iso nunca cambiaba. Xentes que se coñecían os uns aos outros polos alcumes, alcumes familiares que pasaran de xeración en xeración e que, ás veces, eran máis efectivos que os propios nomes. Esa é unha das cousas que non cambian, pero a Pobra non sempre tivera o aspecto actual.

Como todos os da zona, a Pobra sempre foi unha vila pesqueira. A maioría da súa actividade centrábase no mar. Saír a faenar antes de que o Sol aparecera, traer o peixe a terra, que as mulleres o venderan no mercado. E así un día tras outro. Xunto á modernización de todo este proceso chegaron as primeiras industrias conserveiras. Novas familias que se internaron nos altos grupos sociais da comarca. As súas casas servían de exemplo e moitas delas aínda se conservan no paseo do Areal. Pero o verdadeiramente importante da chegada das conserveiras foi o emprego, cantas mulleres encontraron nestas fábricas un traballo! E aínda o encontran nos nosos días.

E que hai do coche, de todos os transportes en xeral? Cada vez era máis común ver automóbiles polas rúas. Como consecuencia destes avances foron necesarios lugares específicos onde aparcar os autos e, por suposto, estradas. Unha proba disto é a explanada xunto ao xardín. Esa gran parte do mar que foi ocultada baixo unha masa de cemento.

A Pobra crecía: o parque do Castelo e a praza maior, pistas deportivas, edificios cada vez máis altos e que cada vez desentoaban máis coas vellas casas mariñeiras, supermercados no lugar das antigas tendas, etc.

Ao lado do mar, na Covecha, creouse o Club de Remo, onde moitos rapaces encontrarían un refuxio lonxe da escola e, sobre todo, moitos amigos dos de verdade. Tamén o malecón. Cantos primeiros cigarros se fumaron no malecón o cantos novos amores nacecon alí? Lonxe do mar, na Tomada, construíuse o polígono industrial, sen dúbida un grande impulso para o emprego e para a evolución do pobo tamén.

Sí, a Pobra creceu, cambiou. Pero os domingos a xente continúa saíndo polas mañás coas súas mellores roupas. Todos os domingos de nazareno non hai onde meterse. A praza maior está repleta de nenos xogando tardes e tardes enteiras. Os mozos séguense queixando de que o alcalde non fai nada por eles. Ver a lúa sentado na area de Cabío unha noite de verán non ten comparación con ningunha outra sensación e parece que as pombas do xardín son cada vez máis.

Non todo é diferente a hai uns anos: os mércores o mercado segue estando cheo de peixe e as vellas sempre ocuparán a maior parte dos bancos do xardín.

Iso é o bo, pensaba Ramiro de volta á casa, os lugares cambian, modernízanse e todas esas cousas, pero como pasa nas fotos, a xente sempre seguirá sendo a mesma.

Tamara Ouviña Millán

1º Bach. C

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: