Esta é unha foto de hai 50 anos na que aparecen miña avoa con miña nai e o meu tío.
Foi feita na praia do Castelo. Esta praia comezaba onde está o peirao vello e estendíase ata onde agora se encontra o club de remo.
A praia non estaba en moi bo estado, xa que sempre estaba chea de lixo, pero aínda así era o lugar de recreo preferido dun montón de rapaces.
Na actualidade xa non existe, xa que o concello hai moitos anos decidiu cubrila para darlle outros usos. Así mesmo, como se pode observar na foto actual, tamén se fixo outro peirao moito máis grande có anterior.
Ó final, a praia deu lugar a un parque infantil, á Praza Maior –onde se celebran moitos concertos e festas- e ás pistas polideportivas. Deste modo, onde antigamente os nenos aprendían a nadar agora aprenden a montar en bicicleta, a patinar, a facer skate…
Esta é unha historia que lle aconteceu a miña nai hai moitos anos nesta praia.
Cando ela era unha nena, sempre ía a esta praia cos seus irmáns e amigos e, ademais de xogaren e bañárense, tamén se adicaban a coller ameixas e berberechos, recursos que eran moi abundantes neste areal. Isto tiña un inconveniente, chamado Moncho o Fermín, que dicía que el era o dono da praia e contan que paseaba por alí todos os días para controlar os rapaces. Estes tíñanlle moito medo, xa que cando os vía con ameixas ou berberechos berráballes moito.
Un día destes nos que miña nai “exercía de furtiva” con 8 anos, viu pasar a Moncho o Fermín e a pobre, morta de medo, deuse á fuga con tan mala sorte que pisou unha ameixa rota e cortou un pé . Non podía camiñar e, entre o que choraba e o que sangraba, o maligno Moncho apiadouse dela e levouna en brazos ata a súa casa.
Álvaro Fernández
[…] Arquivado en: blogue « A praia de Moncho o Fermín […]