Chovía


feitocon Picasion

Chovía. Catalina miraba a rúa, aquela que observaba a diario morta de nostalxia, rabia e impotencia.
Alí pasara os momentos máis memorables da súa vida, así como os máis deplorables.
Era a única filla de Antonio e Leonor. Este navegaba longas tempadas en barcos holandeses e a súa muller adicábase á costura.
Dende nena xogaba coas fillas do señor Manuel, o seu veciño e panadeiro; con Rosa, a que non moito tempo despois remataría sendo a súa mellor confidente; e cos dous inquedos fillos do médico.
A Don Rodrigo non lle gustaban esa clase de compañías para os seus fillos, non soportaba a idea de que os seus pequenos compartiran o seu tempo con fillos de republicanos.
No pobo todo o mundo o sabía pero ninguén alzaba a voz para acusalos. Era un secreto a voces.
A pesar diso, estaba demasiado atarefado ó longo do día como para preocuparse por meniñadas. En breve, mandaríaos fóra, estudarían para chegar a ser licenciados e dous homes de proveito.
Tiña o futuro dos seus fillos estritamente esquematizado e as decisións de Don Rodrigo eran inamovibles.

As tardes de choiva, Catalina sempre recordaba o seu pai, pensaba nas horas sen durmir, o frío e a soidade á que estaba exposto, tiña a esperanza de que algunha tarde desas nas que ela pasaba mirando pola ventá, el aparecese para abrazala como só el sabía e enchela de artiluxios estraños que ela xamais vira.
Pasaron os años e Catalina axudaba a súa nai a coser, xa lonxe quedaran as tardes enteiras xogando con Rosa e as fillas do señor Manuel e mailos pequenos e áxiles Rodrigo e Lucas.

Tamén lonxe quedara a fatídica morte do seu pai, nesa mesma rúa, o día que voltaba de facer a marea, a mans dos que para ela non eran máis que monstros.
Chovía, por non variar en xaneiro. Uns homes con uniforme defendendo o que para eles non era una aniquilación, senón un escarmento, acabaron coa súa vida. E con parte da de Catalina, que con oito anos, aínda non entendía que fixera mal para que lle arrebataran de tal maneira ó seu pai.

Dende ese día xa non houbo máis apertas paternais, nin máis cachivaches inservibles, nin máis protección para aquela meniña.
Don Rodrigo xa executara a primera parte do seu plan. Os seus fillos estudaban na capital e estaban totalmente afastados dese ambiente pseudo-progre que el e a súa familia tanto detestaban.
Lucas e Rodrigo visitaban a vila todos os veráns. Para Catalina, ese era un dos seus alicientes para soportar as calores do verán. Era bastante evidente a súa adoración dende nena cara ao primoxénito do médico.
Con el perdera a vergoña, a inocencia e a pouca cordura que lle quedaba.
Acudían xuntos ás festas e romarías, pero na igrexa nin se miraban, debían manter as aparencias.
Catalina tiña xa 18 anos. O tempo tivera un efecto beneficioso nela, convertérase nunha muller de curvas realzadas que era o obxecto de desexo de moitos rapaces na vila. Rodrigo, pola súa parte, cos 21 recén cumpridos, era agora un rapaz alto e forte, con músculos ben definidos.
Este non pisaba dende había dous veráns a vila e rumoreábase que se asentara definitivamente na capital e estaba comprometido coa filla dun importante membro do réxime.
O que non lle faltaba a eses comentarios era razón.
Finalmente, sobre finais de agosto volveu, foi vela, necesitaba explicarlle todo aquilo.
A súa nai saíra a visitar a veciña e el aproveitou ese intre para ir ata a casa da costureira. Catalina ao velo no soubo reaccionar.
Espéroche en dez minutos onde sempre, non tardes -dixo saíndo de alí como alma que leva o demo.
Para a rapaza non era fácil darlle a aquel home unha negativa, levaba o que para ela se correspondía cunha eternidade sen velo, e a imaxe do novo Rodrigo era mellor que a que ela recordaba.
Subiu ao seu cuarto e colleu un chal que colocou rapidamente polos ombros.
En cuestión de menos de media hora estaba ao seu lado. El non tiña un semblante demasiado amigable, o que tiña que dicirlle non era fácil.
Finalmente, mirou ao río. Catalina non perdía detalle.
Caso -dixo frío.
Para ela foi un duro golpe, todas as promesas de amor que aquel rapaz altivo e clasista, pero irremediablemente sedutor, lle fixera, esnaquizáranse diante dela. Mirouno con odio, os seus ollos estaban cheos de bágoas e a labazada non tardou en chegar.
Rodrigo esperábao, sabía que ía morrer de celos, sabía como era esa muller e que no fondo el era un desgraciado por facerlle aquilo
-Nin se che ocorra seguirme!, ignórame.
Ela deuse media volta con desdén.
Rodrigo deixou que se afastara uns pasos, pero cando viu que si, que era capaz de irse deixándoo alí, correu dándolle alcance.
Suxeitou o seu brazo e virouna cara a el.
– Sabes que non é a ela a quen quero…
Acto seguido calouna, era a única maneira de amansar a aquela fera. Ela deixouse, non podía evitalo.
É un mero contrato… -dixo apartando a súa boca. Só che pido que non… non renunciemos a… estar xuntos -dixo esbozando un sorriso que a Catalina non lle deu marxe nin a pensar.
Sei que non a queres -respondeu non créndoo, senón queréndoo crer.
E aceptou a idea de ser a súa amante. E iso foi por un longo período de tempo. Rodrigo finalizou os estudos, casou e volveu o á vila; e con el as rompeduras de cabeza para Catalina.
Víanse paulatinamente, pouco, e ela sabía que o perdía.
Tal vez era, pensou, porque xamais o tivera.

O calendario marcaba novembro dun ano frío e pobre para case todos na vila, na vila e no país. A posguerra azoutaba todas as clases sociais. Por suposto, para uns era máis insoportable que para outros, coma todo, repetíalle Rodrigo a ela para animala.
Pero Catalina non aturaba máis a situación, non a económica, senón a sentimental. Ela saíra da misa e el esperábaa en fronte da súa casa. Para os veciños non era máis ca un acto de cabaleirosidade do avogado ir recoller un vestido que deixara para amañar a súa esposa na da costureira. Para Catalina era outra mostra de egoísmo por parte do mozo.
Estaba decidida, non soportaba máis. El fixo amago de seguir cara á porta, pero ela suxeitoulle o brazo e asegurouse de que os homes que colocaban os lastros preto estivesen máis atentos a iso que á conversación. Como non resultou ser así, levouno cara ao peirao.
Era certo que ela nin por un segundo se puxera no lugar de Rodrigo. Tal vez a súa dor era máis grande que a súa; tal vez o seu amor era máis forte que o seu.
-Aínda non te das conta?
-…
-Claro que non, ti es “insensible”, sempre coa túa máscara, sempre co teu sorriso, nunca nada che doe, nada te inmuta, nada te perturba… non sentes nin amor…
-Iso non é certo.
-Claro que é certo, Rodrigo, esa é a realidade, ti sempre tan forte, tan seco, amor con todos menos comigo, menos con quen che ama.
Foi a ti a quen busquei, e ti? Ti qué, rei de xeo?…
Coa mesma, deu media volta meténdose na casa.
Correu ao seu cuarto e chorou, chorouno un río e máis o choraría se puidese.
Achegouse á ventá e observou o seu cuarto. Tras esas portas había unha historia dun amor aínda presente, onde a felicidade se volveu tristeza e a calor só permanecía na memoria.
Dende alí ela sentiu o baleiro dun inminente abismo, de mentiras agridoces e promesas esnaquizadas… e xa non lle quedaba nin tempo, nin espazo…
Seguía a chover.

Marta Picos

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: