Madriña de guerra


MaríaMosquera1
MaríaMosquera2

José Freire Ramos naceu o 1 de abril de 1915 en Barral, Rianxo. A súa infancia pasouna neste lugar, onde se adicaba coa súa familia á labranza e cría de gando. Esta era unha vida tranquila e harmoniosa, xa que tiña terras para cultivar, polo cal non carecían de víveres para subsistir dignamente.
Cando tiña 21 anos coindidiu que comezou a Guerra Civil, no ano 1936, e foi chamado para o exército a combater na guerra. Así truncóuselle a súa xuventude, perdendo máis de 3 anos fóra e lonxe da súa familia.
En realidade, el non tiña ningunha idea política, pero foi recrutado para o bando franquista. Como soldados, eles só tiñan que obedecer ordes, aínda que non entenderan nada do que lles estaban mandando. A el tocoulle ir como artilleiro.
Estando xa na guerra, enterouse por medio dun compañeiro que podía comunicarse coa súa familia. Pero a maneira de facelo era a través de madriñas de guerra. Estas eran voluntarias que escribían ao soldado longas cartas e, sobre todo, que recibían cartas do soldado. Esta correspondencia servíalle de distracción contra a rutina diaria.
O seu compañeiro deulle os nomes de dúas mulleres para que escollera unha como madriña de guerra. El elixiu o nome de Luísa, porque ese era o nome da súa madriña de bautizo e gustoulle.
Luísa, en persoa non o coñecera aínda, só o vira de lonxe porque llo ensinara un veciño cando José foi á súa casa cun permiso. Cando el levaba un ano na guerra, Luísa recibiu a noticia de que estaba desaparecido, e non sabían se morto ou prisioneiro. A pesar de que nunca o vira cara a cara e só se escribiran unha carta, ela estaba moi desgustada e incluso se puxo a rezar por el. Resultou que a José o fixeran prisioneiro os republicanos, e botou un ano no Monte Naranco en Oviedo. Estando alí pasou moita fame, e cando as mulleres do campo ían con verduras para os animais pedíanlla, e coa fame que tiñan xa a comían así, crúa. Ademais, se encontraban leiras con trigo, comían as cabezas das espigas. Tamén pasaron moita sede, entón algúns dos que os vixiaban, para fastidialos ouriñaban nun cacharro e poñíano alí para que os prisioneiros pensaran que era auga. E eles bebíana.
Despois dun ano moi duro, conseguiu escapar e encontrouse coas tropas franquistas. Ao saír de alí, á primeira persoa á que lle escribiu unha carta foi a Luísa, a súa madriña de guerra.
Puido ir á súa casa e ver a familia, aínda que despois tivo que identificarse no cuartel, co cal volvérono chamar para ir á guerra. Pero neste último ano de guerra a súa calidade de vida mellorou moito. Os últimos meses pasounos na cidade de A Coruña, onde tiña tempo incluso para ir a divertirse con amigos que fixo alí, podían ir aos bares, ao cine, dar paseos…
Acabou a guerra e volveu para a casa. Ao cabo dun ano casouse con Luísa e tiveron tres fillos. A maior é miña avoa Celestina.

María Mosquera

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: