Siberia

O meu pai, Manuel Davila Eiras, saíu da casa o día 1 de xullo de 1936 para embarcar no Rosa Yllueca no porto de Valencia, pero a compañía de seguros Lloyd’s non lle asegurou a carga. Entón os mariñeiros querían volver aos seus domicilios, pero non lles deixaron porque o 18 de xullo de 1936 estalou a Guerra Civil española, quedando Valencia na parte republicana. A todos os mariñeiros que pasaban da idade de entrar no exército, obrigáronos a tripular os barcos. Entón, ao meu pai tocoulle ir ao Inocencio Figueredo, das minas de Figueredo en Asturias. Foron varias viaxes de material de guerra a Turquía e dúas viaxes con carbón ao porto de Odessa; pero no terceiro, o goberno republicano ía perdendo forza e ordenou a todos os barcos que se quedasen en Odessa ata nova orde, que nunca chegou.
Estiveron fondeados baixo pavillón español no porto de Odessa ata 1941, ano no que o exército alemán invadiu Rusia. Entón , o goberno de Stalin confiscou os barcos e prendeu as tripulacións esixíndolles que se fixesen cidadáns rusos. Eles negáronse. Entón tomáronos por espías e encarceráronos. Foron trasladados de cárcere en cárcere a medida que as tropas alemás ían avanzando ata que os internaron na Alta Siberia, en Irkutsk, nas minas do Don, no mar Caspio.
En todas estas calamidades meu pai pasou 18 anos sen poder comunicarse coa familia. Cando o meu pai saíu da casa, eu tiña 4 anos e meu irmán 4 meses. Cando volveu eu tiña 22 e meu irmán 18. Todos estes anos fomos alimentados e educados ao brazo da miña nai. En 1954, sendo presidente Krushchov en Rusia, a Cruz Vermella internacional logrou repatriar os mariñeiros, os prisioneiros da División Azul que foron alí co exército alemán e varios estudantes que foron alí facer cursos de aviación, e que tamén quedaron prisioneiros en diferentes cárceres e campos de concentración.
A primeiros de 1954 fóronos reunindo nos cárceres de Odessa, onde os recolleu a Cruz Vermella a mediados de abril. Foron repatriados nun buque grego chamado Semíramis, que atracou no porto de Barcelona o 2 de maio de 1954 ás 10 da mañá. Leváronos ao hospital militar do Tibidabo, déronlles unha comida e, desde 1000 pesetas para baixo, unha peza de cada. A todos os empregaron en empregos do Estado, uns de porteiros e ordenanzas, cada un o que fose capaz de desempeñar.

Vitoria

Advertisement

A miña avoa

miña avoa antes

avoa agoraSendo a miña avoa nena, ela e a miña bisavoa tiveron que escapar ao monte porque tiñan medo da guerra. Cando ían pola metade do camiño, atoparon o irmán da miña tataravoa e preguntoulles a onde ían.
“É que escapamos da casa, que veñen as tropas e temos medo…”
Mais el mandounas de novo para a casa. Cando chegaron, pecharon contras e ventás.
Cando pasaban as tropas pola estrada, tiñan que ter todo pechado. A miña avoa e os seus irmáns miraban polos buracos das contras agochados por se os vían, para velos pasar. Se os vían polas ventás, disparábanlles pensando que eran do bando contrario…, ou iso era o que lle dicían á miña avoa. E dunha vez entraron alí como Perico por su casa para ver as tropas inimigas pola ventá do piso de arriba, porque pensaban que virían por alí.
Miña avoa estivo de criada catro anos en Madrid na casa de José María Rivero de Aguilar. Ó seu irmán mandárono a Cádiz para facer a mili. Como ese home co que traballaba a miña avoa era a man dereita de Franco, mandando unha carta puido conseguir que o irmán puidese ir facer a mili no Instituto da Mariña, en Madrid, coa miña avoa.
O irmán de Franco foi comer alí algunhas veces. Tamén ían algúns altos cargos militares co uniforme e os rifles. A miña avoa, cando os viu, as primeiras veces asustábase coma as demais criadas, pero despois acostumáronse.

Tiñan un can pequeno que se chamaba Cusca e unha criada da casa veciña puxo un letreiro na porta que dicía : “Cerrado por defunción, ha muerto la Cusca”. Isto provocou que un soldado que lle viña a limpar o traxe ó xefe todos os días, vise o cartel e marchase, e así varios días. Ó final déronse conta e quitárono inmediatamente. Cando volveu o soldado, ó dia seguinte de quitalo (porque viña todos os días aínda que non entrase), preguntáronlle por que non viñera. El respondeulles que, como viu o cartel, pensaba que morrera un familiar e que por iso non habería ninguén na casa.
Finalmente, cando a miña avoa acabou de traballar, o xefe deulle un agasallo, unha cadea de ouro, que naqueles tempos ninguén a tiña.

NOELIA ROMERO FONTAO (3ªB)

Madriña de guerra

MaríaMosquera1
MaríaMosquera2

José Freire Ramos naceu o 1 de abril de 1915 en Barral, Rianxo. A súa infancia pasouna neste lugar, onde se adicaba coa súa familia á labranza e cría de gando. Esta era unha vida tranquila e harmoniosa, xa que tiña terras para cultivar, polo cal non carecían de víveres para subsistir dignamente.
Cando tiña 21 anos coindidiu que comezou a Guerra Civil, no ano 1936, e foi chamado para o exército a combater na guerra. Así truncóuselle a súa xuventude, perdendo máis de 3 anos fóra e lonxe da súa familia.
En realidade, el non tiña ningunha idea política, pero foi recrutado para o bando franquista. Como soldados, eles só tiñan que obedecer ordes, aínda que non entenderan nada do que lles estaban mandando. A el tocoulle ir como artilleiro.
Estando xa na guerra, enterouse por medio dun compañeiro que podía comunicarse coa súa familia. Pero a maneira de facelo era a través de madriñas de guerra. Estas eran voluntarias que escribían ao soldado longas cartas e, sobre todo, que recibían cartas do soldado. Esta correspondencia servíalle de distracción contra a rutina diaria.
O seu compañeiro deulle os nomes de dúas mulleres para que escollera unha como madriña de guerra. El elixiu o nome de Luísa, porque ese era o nome da súa madriña de bautizo e gustoulle.
Luísa, en persoa non o coñecera aínda, só o vira de lonxe porque llo ensinara un veciño cando José foi á súa casa cun permiso. Cando el levaba un ano na guerra, Luísa recibiu a noticia de que estaba desaparecido, e non sabían se morto ou prisioneiro. A pesar de que nunca o vira cara a cara e só se escribiran unha carta, ela estaba moi desgustada e incluso se puxo a rezar por el. Resultou que a José o fixeran prisioneiro os republicanos, e botou un ano no Monte Naranco en Oviedo. Estando alí pasou moita fame, e cando as mulleres do campo ían con verduras para os animais pedíanlla, e coa fame que tiñan xa a comían así, crúa. Ademais, se encontraban leiras con trigo, comían as cabezas das espigas. Tamén pasaron moita sede, entón algúns dos que os vixiaban, para fastidialos ouriñaban nun cacharro e poñíano alí para que os prisioneiros pensaran que era auga. E eles bebíana.
Despois dun ano moi duro, conseguiu escapar e encontrouse coas tropas franquistas. Ao saír de alí, á primeira persoa á que lle escribiu unha carta foi a Luísa, a súa madriña de guerra.
Puido ir á súa casa e ver a familia, aínda que despois tivo que identificarse no cuartel, co cal volvérono chamar para ir á guerra. Pero neste último ano de guerra a súa calidade de vida mellorou moito. Os últimos meses pasounos na cidade de A Coruña, onde tiña tempo incluso para ir a divertirse con amigos que fixo alí, podían ir aos bares, ao cine, dar paseos…
Acabou a guerra e volveu para a casa. Ao cabo dun ano casouse con Luísa e tiveron tres fillos. A maior é miña avoa Celestina.

María Mosquera