Chovía

feitocon Picasion

Chovía. Catalina miraba a rúa, aquela que observaba a diario morta de nostalxia, rabia e impotencia.
Alí pasara os momentos máis memorables da súa vida, así como os máis deplorables.
Era a única filla de Antonio e Leonor. Este navegaba longas tempadas en barcos holandeses e a súa muller adicábase á costura.
Dende nena xogaba coas fillas do señor Manuel, o seu veciño e panadeiro; con Rosa, a que non moito tempo despois remataría sendo a súa mellor confidente; e cos dous inquedos fillos do médico.
A Don Rodrigo non lle gustaban esa clase de compañías para os seus fillos, non soportaba a idea de que os seus pequenos compartiran o seu tempo con fillos de republicanos.
No pobo todo o mundo o sabía pero ninguén alzaba a voz para acusalos. Era un secreto a voces.
A pesar diso, estaba demasiado atarefado ó longo do día como para preocuparse por meniñadas. En breve, mandaríaos fóra, estudarían para chegar a ser licenciados e dous homes de proveito.
Tiña o futuro dos seus fillos estritamente esquematizado e as decisións de Don Rodrigo eran inamovibles.

As tardes de choiva, Catalina sempre recordaba o seu pai, pensaba nas horas sen durmir, o frío e a soidade á que estaba exposto, tiña a esperanza de que algunha tarde desas nas que ela pasaba mirando pola ventá, el aparecese para abrazala como só el sabía e enchela de artiluxios estraños que ela xamais vira.
Pasaron os años e Catalina axudaba a súa nai a coser, xa lonxe quedaran as tardes enteiras xogando con Rosa e as fillas do señor Manuel e mailos pequenos e áxiles Rodrigo e Lucas.

Tamén lonxe quedara a fatídica morte do seu pai, nesa mesma rúa, o día que voltaba de facer a marea, a mans dos que para ela non eran máis que monstros.
Chovía, por non variar en xaneiro. Uns homes con uniforme defendendo o que para eles non era una aniquilación, senón un escarmento, acabaron coa súa vida. E con parte da de Catalina, que con oito anos, aínda non entendía que fixera mal para que lle arrebataran de tal maneira ó seu pai.

Dende ese día xa non houbo máis apertas paternais, nin máis cachivaches inservibles, nin máis protección para aquela meniña.
Don Rodrigo xa executara a primera parte do seu plan. Os seus fillos estudaban na capital e estaban totalmente afastados dese ambiente pseudo-progre que el e a súa familia tanto detestaban.
Lucas e Rodrigo visitaban a vila todos os veráns. Para Catalina, ese era un dos seus alicientes para soportar as calores do verán. Era bastante evidente a súa adoración dende nena cara ao primoxénito do médico.
Con el perdera a vergoña, a inocencia e a pouca cordura que lle quedaba.
Acudían xuntos ás festas e romarías, pero na igrexa nin se miraban, debían manter as aparencias.
Catalina tiña xa 18 anos. O tempo tivera un efecto beneficioso nela, convertérase nunha muller de curvas realzadas que era o obxecto de desexo de moitos rapaces na vila. Rodrigo, pola súa parte, cos 21 recén cumpridos, era agora un rapaz alto e forte, con músculos ben definidos.
Este non pisaba dende había dous veráns a vila e rumoreábase que se asentara definitivamente na capital e estaba comprometido coa filla dun importante membro do réxime.
O que non lle faltaba a eses comentarios era razón.
Finalmente, sobre finais de agosto volveu, foi vela, necesitaba explicarlle todo aquilo.
A súa nai saíra a visitar a veciña e el aproveitou ese intre para ir ata a casa da costureira. Catalina ao velo no soubo reaccionar.
Espéroche en dez minutos onde sempre, non tardes -dixo saíndo de alí como alma que leva o demo.
Para a rapaza non era fácil darlle a aquel home unha negativa, levaba o que para ela se correspondía cunha eternidade sen velo, e a imaxe do novo Rodrigo era mellor que a que ela recordaba.
Subiu ao seu cuarto e colleu un chal que colocou rapidamente polos ombros.
En cuestión de menos de media hora estaba ao seu lado. El non tiña un semblante demasiado amigable, o que tiña que dicirlle non era fácil.
Finalmente, mirou ao río. Catalina non perdía detalle.
Caso -dixo frío.
Para ela foi un duro golpe, todas as promesas de amor que aquel rapaz altivo e clasista, pero irremediablemente sedutor, lle fixera, esnaquizáranse diante dela. Mirouno con odio, os seus ollos estaban cheos de bágoas e a labazada non tardou en chegar.
Rodrigo esperábao, sabía que ía morrer de celos, sabía como era esa muller e que no fondo el era un desgraciado por facerlle aquilo
-Nin se che ocorra seguirme!, ignórame.
Ela deuse media volta con desdén.
Rodrigo deixou que se afastara uns pasos, pero cando viu que si, que era capaz de irse deixándoo alí, correu dándolle alcance.
Suxeitou o seu brazo e virouna cara a el.
– Sabes que non é a ela a quen quero…
Acto seguido calouna, era a única maneira de amansar a aquela fera. Ela deixouse, non podía evitalo.
É un mero contrato… -dixo apartando a súa boca. Só che pido que non… non renunciemos a… estar xuntos -dixo esbozando un sorriso que a Catalina non lle deu marxe nin a pensar.
Sei que non a queres -respondeu non créndoo, senón queréndoo crer.
E aceptou a idea de ser a súa amante. E iso foi por un longo período de tempo. Rodrigo finalizou os estudos, casou e volveu o á vila; e con el as rompeduras de cabeza para Catalina.
Víanse paulatinamente, pouco, e ela sabía que o perdía.
Tal vez era, pensou, porque xamais o tivera.

O calendario marcaba novembro dun ano frío e pobre para case todos na vila, na vila e no país. A posguerra azoutaba todas as clases sociais. Por suposto, para uns era máis insoportable que para outros, coma todo, repetíalle Rodrigo a ela para animala.
Pero Catalina non aturaba máis a situación, non a económica, senón a sentimental. Ela saíra da misa e el esperábaa en fronte da súa casa. Para os veciños non era máis ca un acto de cabaleirosidade do avogado ir recoller un vestido que deixara para amañar a súa esposa na da costureira. Para Catalina era outra mostra de egoísmo por parte do mozo.
Estaba decidida, non soportaba máis. El fixo amago de seguir cara á porta, pero ela suxeitoulle o brazo e asegurouse de que os homes que colocaban os lastros preto estivesen máis atentos a iso que á conversación. Como non resultou ser así, levouno cara ao peirao.
Era certo que ela nin por un segundo se puxera no lugar de Rodrigo. Tal vez a súa dor era máis grande que a súa; tal vez o seu amor era máis forte que o seu.
-Aínda non te das conta?
-…
-Claro que non, ti es “insensible”, sempre coa túa máscara, sempre co teu sorriso, nunca nada che doe, nada te inmuta, nada te perturba… non sentes nin amor…
-Iso non é certo.
-Claro que é certo, Rodrigo, esa é a realidade, ti sempre tan forte, tan seco, amor con todos menos comigo, menos con quen che ama.
Foi a ti a quen busquei, e ti? Ti qué, rei de xeo?…
Coa mesma, deu media volta meténdose na casa.
Correu ao seu cuarto e chorou, chorouno un río e máis o choraría se puidese.
Achegouse á ventá e observou o seu cuarto. Tras esas portas había unha historia dun amor aínda presente, onde a felicidade se volveu tristeza e a calor só permanecía na memoria.
Dende alí ela sentiu o baleiro dun inminente abismo, de mentiras agridoces e promesas esnaquizadas… e xa non lle quedaba nin tempo, nin espazo…
Seguía a chover.

Marta Picos

15 de marzo do 1934, A Pobra do Caramiñal

Ferreteria_ Alicia Quintáns

Atopámonos na ferraxería de Antonio Lago Aller, coñecido na vila coma Tucho o ferretero. Corre o ano 1936, ano de moita convulsión na España de entón, mais os que se reúnen tódolos días na ferretería non se imaxinan aínda o que ía ocorrer. Xunto ó ferraxeiro republicano e de esquerdas atópase un grupo de homes que habitúan a reunirse en torno ó mostrador horas e horas tódalas tardes e debaten as últimas novas que, acerca do goberno da República, chegan cada día a través da radio. Entre os que rodean a Tucho encóntrase o seu irmán Ramón, máis coñecido por Moncho. Na fotografía aparece cun traxe claro e sombreiro de panamá, sentado e escribindo. Ningún deles sabe que faltan uns poucos meses para a sublevación militar do 18 de xullo e aínda que en España reina unha gran confusión e fálase de movementos nos cuarteis, descoñecen ata que punto, en pouco tempo, van cambiar as súas vidas.

Mentres tanto, eles posan en actitude tranquila, aínda que se diría que ao mozo Moncho preocúpalle algo, coma se presentise o seu propio futuro; pero ben pensado, ao irmán de Tucho non lle quedaría moito futuro, pois logo desaparecería defendendo á República en Xixón, contra os sublevados.

Na foto todos sorríen lixeiramente para, tras o fogonazo do daguerrotipo, continuar enfrascados no faladoiro discrepando entre eles, defendendo uns o goberno recentemente elixido de Azaña, atacándoo os outros e quizais algún deles mantendo posturas neutrais. Quen conta esta historia recorda que algún deles era partidario da CEDA e algún outro do grupo era monárquico.

Con certeza tan só sabemos que Tucho e Moncho eran republicanos partidarios do Frente Popular e que o cuñado de Tucho era mestre da República e membro do Sindicato de Ensinanza da UXT. Este familiar de Tucho, chamado Xulián, non está na fotografía mais sabíase que andaba metido en reunións e lanzando discursos acendidos a favor da República. Os falanxistas andábano a buscar; Tucho e Moncho sabíano, xa que Carlos (un dos da foto) era falanxista e xa lles advertira: “Avisade a Xulián que os da Falanxe ándano buscando para matalo”.
E tal vez por iso é polo que a Moncho se lle pon unha nube na cara e a Tucho bórraselle o sorriso. Non é un momento moi feliz para estes homes desa España, non só por ese aviso referido ó seu cuñado, senón porque fai unhas semanas, o 16 de febreiro, a Fronte Popular gañara as eleccións cun 60% dos votos, o que encrespara os ánimos dos membros da CEDA e das dereitas e parte do exército.
Aínda tampouco saben, mais sospéitano, que os meses seguintes ían cambiar as súas vidas. As continuas ameazas ao lexítimo Goberno da República acabarán coa esperanza e a ilusión de moita xente e a deles tamén se verá truncada.

Pasarían uns meses e tras inmortalizalos Adelino, o fillo de Manolo o “sollo”, na foto, Moncho marcharía á fronte a defender a república en Asturias. Nunca ninguén volveu saber nada del; desapareceu tras un bombardeo e xamais se encontrou o seu corpo, mais falouse durante moito tempo que o meteran nunha foxa común. Tampouco serviron de nada os avisos a Xulián, o cuñado de Tucho, xa que finalmente, catro falanxistas e un garda civil detivérono no seu piso da rúa da Algalia en Compostela e levárono nun coche ata Carral, onde foi executado e enterrado nunha foxa.

Trala represión, quedaron o ferreteiro e a súa muller con dous fillos ao fronte do negocio e tratando de non meterse en problemas, que xa tiveran bastante. Trala execución de Xulián, a Garda Civil vixiaba continuamente á bisavoa, a irmá do executado, e obrigábana a pasar polo cuartelillo e andou moi acosada durante moitos anos.
Pero esa guerra aínda duraría demasiado tempo; tres anos, ata o 28 de marzo do 1939, ano en que os sublevados tomarían Madrid obrigando o socialista Julián Besteiro a entregar o poder ao bando nacional, dando por finalizada a guerra e comezando unha etapa durísima baixo o réxime ditatorial de Franco.

Os anos da fotografía son anos de dificultades para moitas familias, de explotación e de moita fame en moitas casas.
Setenta e catro anos despois falo co meu avó desta historia e el cóntame todo o que hai trala fotografía e moitas outras historias de penurias e dificultades.
O fillo de Tucho o ferreteiro chámase Poncho e resulta ademais ser o meu avó. Durante todo o tempo mira para a foto, queda pensativo e cóntame toda esta historia. De súpeto, ó rematar, levanta a cabeza, mira cos ollos por riba dos lentes que lle caen, e emocionado dime: “La historia hijiña, la historia, conviene recordarla… ¡para no tener que repetirla!”.

Alicia Quintáns Lago 1ºBACH-C

AVÓ ALICIA 2
AVÓ ALICIA