San Alberte

feito con Picasion

Nestas fotos están miña nai e a miña tía. A primeira foto data do ano 1968 e a segunda do 2010.

Atópanse na romaría de San Alberte, que se celebra en Santa Uxía de Ribeira. Nesta romaría, a xente ofrecíalle ó santo aceite e as mellores galiñas, que pola tarde eran subhastadas polo cura e compradas polos fregueses. Na parte de atrás da capela, había unha pequeña ventá tapiada onde os mozos e as mozas tiraban anacos de tellas que había polo chan ata conseguir que lles quedasen tres anacos no peitoril da ventá (non era fácil, posto que a pedra do peitoril estaba moi gastada e as tellas esvaraban e víñanse abaixo). Isto facíase para conseguir parella. Os feirantes tamén acudían a vender xoguetes, garapiñadas, mazás con caramelo e, sobre todo, as típicas rosquillas. Esta romaría séguese celebrando o terceiro luns de abril, pero nun lugar moi diferente.

A zona que se ve na imaxe, atopábase nun monte que hoxe en día foi destruído para facer o polígono industrial de Xarás, só se conserva a capela. A pedra que se ve na primeira imaxe foi sepultada a causa dos numerosos movementos de terra que se fixeron no lugar.

Lois Barral Gude

Advertisement

Era en San Ramón

feito con Picasion

“Era en San Ramón, detrás da capela nun outeiro ou laxe que hai detrás dela. Nós estabamos a comer unha sandía que lle compraramos a Escurís. El cultivábaas aquí, en Galicia, daquela non viñan doutros lugares, estaban moito máis boas.
Eu estaba a berrar con Laura, túa avoa, e veu un fotógrafo de pola parte da Pobra, e el preguntounos:
-Doulle?
Eu estaba enfadado, xa que berrara con Laura. Ela estábase a rir e eu díxenlle :
-Dalle!, e así como estabamos sacou a foto. Estivo uns 15 minutos a preparala e despois déunola, costaría… daquela… 3´50 pesetas.
Nós en San Ramón iamos todos arregrados; eu tiña un traxe que me fixera o xastre, Papachín, de alí de Rianxo; era liso e largo, moita xente preguntábame se fora á Coruña a facelo, porque disque os mellores traxes eran da Coruña.
Nós iamos a San Ramón tódolos anos: oïamos a misa, bailabamos, bebiamos viño, antes bebíase moito máis que agora, antes tomabamos os chiquitos, polas tardes… “
Contoumo o meu avó o día do seu aniversario. El estaba moi contento porque fomos á súa casa, en Montegrande, Rianxo. Cumpría 85 anos.

Elisa